A Asociación Cultural Saíñas nace no inverno do ano 1982 coa idea de fomentar a Cultura Tradicional galega dende o Concello Xove, na Mariña Lucense.
Na actualidade, a asociación está composta por uns 90 integrantes, rapaces e rapazas de idades comprendidas entre os 5 e os 50 anos, que acoden a clases de baile, canto, percusión e gaita.
A asociación conta nestes intres coas seccións de Cacharelas, Galochos, Cantareiros e Cantareiras, Gaiteiros e Percusión e Grupo de Baile Saiñas. Conta tamén con clases de iniciación de baile, canto, percusión e gaita para todas as idades e persoas (grupos de infantil e adultos) interesadas na conservación da cultura do noso país así como cursos especializados sobre técnicas de gaita, percusión e canto impartidos por uns mestres coa experiencia e o coñecemento ven arraigado nas tradicións e no folclore de Galicia.
Un pobo perde a súa identidade cando perde ou olvida as súas raices e o seu folclore. Cando iso ocorre non lembramos de onde vimos e nunca sabremos a onde imos….
Ao longo dos últimos anos, a nosa asociación ven de realizar importantes actuacións a nivel europeo e nacional, expallando desta forma a música e o baile tradicional galego, moi apreciado en países europeos como Francia, Suiza, Portugal ou Alemania. Algunhas das máis destacadas foron en Horsens (Dinamarca), Frankenberg (Alemaña), Valencia, Torino (Italia), Martigny (Suiza), Rennes (Francia), Baireuth (Alemania), Quimper (Francia), Padua (Italia), Gotha (Alemaña) e a máis recente, representando a Galicia, ó Festival Intercéltico de Lorient (Francia).
Tamén nos últimos anos a A.C. Saiñas de Xove ven de acadar o terceiro posto no concurso de Tequexetéldere e o primeiro posto no Concurso de Azaloira, no que participou o seu extinto grupo infantil Náñaras (actualmente forma parte do grupo de baile Saiñas) e dous primeiros postos no Concurso de Xacarandaina, ambos co grupo de baile Saiñas.
Ó longo dos últimos anos, a nosa asociación ten realizado varios espectáculos, nos que además de amosar pezas de baile e música, integra situacións do noso pasado cultural: O Adro (2010), Muiñeira (2011), A Taberna (2013), Tradición (2015) e Identidade (2017).