A música galega, pechada por reformas?
Soaba Quedamos nesa Praza, de Som do Galpom, a derradeira canción do Aberto por Reformas de Xurxo Souto, e un convite para o futuro, para seguir traballando, seguir loitando pola música galega. O luns 1 de xuño os novos xestores da radio pública de Galiza, a Radio Galega, decidían que Xurxo Souto non continuaría á fronte do programa. Souto finalizou esta última emisión final despedíndose dos oíntes, dando as grazas, e reivindicando a riqueza e o valor da música galega: "chega o momento da despedida. Hai máis de tres anos principiabamos esta aventura. E agora chega o momento de dicir adeus, e dicir grazas (...) Grazas a tantos artistas galegos, a tanto talento. Somos un pobo de artistas. Cando chegamos houbo certas dúbidas. Había quen dicía que non había música galega de abondo para encher unha hora de programación diaria. E a verdade, e dígoo sen ningún pudor, é que botamos por fóra. A aventura continúa. Agora chega o tempo de que veñan outros compañeiros para manter aceso este facho sonoro. Ata logho amigos, tres, dous, un, partíu".
O martes 2 de xuño, ás sete e cinco da tarde, o programa comezou coa mesma sintonía e o mesmo nome, pero un presentador distinto, Xusto López Carril, que pasara fugazmente polo 'Un día por diante' a comezos da pasada lexislatura. Non só era unha voz distinta, senón unha nova filosofía de programa na que a música galega perdía completamente o protagonismo, e o propio espazo, malia manter a mesma forma, ficaba desposuído de identidade e de contido. López Carril abriu a emisión con toda unha declaración de intencións: "Este é un programa musical, de transición entre o magacín e e a información, pero é un programa con selo propio. Sucede que a música é subxectiva, e a nosa aproximación á música é subxectiva, polo tanto cada quen, particularmente, elixe a súa selección natural, que probabelmente vós ou vostedes non compartan, en absoluto, quizais un pouco, quizais algo máis ou algo menos". O novo programa comezaba, pois xustificándose, e anticipando uns cambios que se fixeron evidentes na primeira canción que soou, de Bruce Springsteen.
Foron máis de tres anos nos que o Aberto por Reformas levou, por vez primeira, a música galega de todos os estilos á radio pública, realizou máis de trescentas entrevistas, e deu a coñecer a ducias de novas bandas e de artistas noveis, moitos deles sen ter editado aínda o seu primeiro traballo. Foron tres anos nos que a música galega tivo un escaparate, un espazo de absoluta liberdade para darse a coñecer. Creou un hábito de escoita entre os oíntes e entre os grupos, que comezaron a confiar nos medios para a difusión do seu traballo. O Aberto por Reformas creou por vez primeira un público para a música galega. Desaparece, pois, un espazo fundamental para a difusión da música galega. Un espazo de liberdade que deixa a centos de grupos galegos sen un escenario privilexiado para darse a coñecer. Só queda dicir grazas polo traballo feito nestes anos. E partiu!!
Fonte: Vieiros
4 de Xuño de 2009